As sardiñas que envasamos coa nosa marca “Pan do Mar” pertencen á especie Sardina pilchardus W., sardiña europea, propia da costa noroccidental da península ibérica que se caracteriza polo seu ventre prateado e o lombo azul.

Péscase por embarcacións da frota de baixura das numerosas vilas costeiras do litoral atlántico en lances de unha soa noite mediante o método tradicional do cerco. Este sistema frente aos métodos de pesca industrial de arrasto peláxico, evita a captura de golfiños e outras especies protexidas disminuíndo sensiblemente as devolucións. Mellórase tamén a calidade do peixe xa que non sofre a presión de ser arrastado pola rede en grandes volumes para alén de reducir ao mínimo o tempo entre a captura e o procesamento.

Toda a produción está certificada por autoridades competentes e polas confrarías de mariñeiros. Segundo os estudos científicos e os informes das organizacións conservacionistas, as especies que, como a sardiña, ocupan a base da cadea trófica, sempre capturadas dentro dos limites de seguridade, costuman a estar menos ameazadas e recupéranse mellor da sobreexplotación.