Na nosa marca “Pan do Mar” envasamos a especie Dosidicus gigas, “lura de Humboldt”, “pota” ou “potón do Pacífico”. É un cefalópodo de grande tamaño que abonda nas costas do Pacífico e que constitúe un dos pilares da economía das comunidades costeiras peruanas.

A súa pesca, moi perto da costa, por pequenos botes con mínima tripulación. O aparello ou arte de pesca empregado é a “potera”. Trátase dun lastre de prumo provisto de ganchos pendurado dun cordel de 20 ou 25 m de lonxitude. O pescador susténtao coa man imprimíndolle un movemento ascendente – descendente mediante contínuos puxóns. Este método de pesca é específico para esta especie limitando por tanto as capturas de especies protexidas ou non comerciais e as devolucións.

A procedencia e método extractivo está certificada polas autoridades pesqueiras e sanitarias peruanas. Trátase dunha especie moi prolífica, con unha altísima taxa de crecemento que até hoxe non apresenta problemas de sobrepesca. Cremos que o apoio ao desenvolvemento das comunidades costeiras peruanas compensa o custo ambiental en termos de CO2 que supón o transporte da materia prima desde a orixe até a nosa factoría.