A empresa Conservas Antonio Pérez Lafuente S.A. de Vilanova de Arousa, acaba de renovar o seu convenio de colaboración coa CEMMA, concedendo unha nova axuda económica a esta ONG galega que leva máis de vinte anos traballando a prol da conservación, o estudio e a divulgación dos mamíferos mariños e das tartarugas mariñas en Galicia.

Son xa cinco anos consecutivos os que Conservas Antonio Pérez Lafuente S.A. ven amosando o seu compromiso coa conservación do medio mariño e das especies mariñas ameazadas.

Durante o 2015, os fondos irán destinados a continuar cos estudios sobre a caza da balea en Galicia que está levando a cabo a CEMMA, concretamente a realizar novas mostraxes submarinas, con equipos de mergullo autónomo, para tratar de localizar e recoller restos óseos das balea vascas (Eubalaena glacialis) que foron cazadas entre os séculos XIII-XVIII e desguazadas nos antigos portos baleeiros de Galicia.

Na actualidade, a balea vasca é unha especie extinguida nas nosas augas. Un conxunto de factores, entre os que podemos destacar a caza á que estivo sometida a especie durante máis de 600 anos, xunto cunha serie de cambios ambientais, provocaron que esta balea desaparecera para sempre das augas europeas.

A única posibilidade que existe hoxe en día para tratar de estudiar á balea vasca é a través dos restos óseos procedentes dos animais que foron cazados durante a Idade Media. Grazas á colaboración de Conservas Antonio Pérez Lafuente S.A., será posible continuar con este importante estudio de arqueocetoloxía submarina, e chegar a obter máis información sobre esta especie extinguida.

cemma pandomar colaboracion conservación fondos marinos