Nos últimos anos as pescarías en todo o mundo foron sometidas a unha enorme presión. A continua demanda de alimentos para satisfacer as necesidades dunha poboación en continuo crecemento forzaron a explotación dos recursos pesqueiros até niveis dificilmente sustentables, ameazando con superar a capacidade dos océanos para manteren a vida mariña tal como a coñecemos.

Por esta razón, é máis necesario que nunca promovermos e apoiarmos a xestión responsable das pescarías a nivel mundial. As organizacións conservacionistas como WWF e Greenpeace xogaron un papel decisivo no despertar da conciencia cidadá a esta necesidade e, en colaboración con autoridades locais e organización supranacionais como a FAO, desenvolveron vías de actuación que permiten alimentar esperanzas de que o futuro da vida no mar sexa preservado para as xeracións vindeiras.

Somos conscientes da ameaza que supón para o medio mariño o aumento da explotación pesqueira intensiva e por isto na nosa actividade seguimos as recomendacións dos organismos científicos e organizacións ambientais tendo en conta, para alén, que polos diferentes intereses en xogo (industria, fornecemento das poboacións, comunidades mariñeiras e locais) e as dificultades para coñecermos os estados reais das poboacións de peixes afectadas, os criterios para afirmar a sustentabilidade das pescarías non son unánimes canto aos graos de explotación e nivel de ameaza, pero hai algúns pontos nos que todos concordamos:

  1. Seguranza de que todo o peixe utilizado proceda de pesca controlada, o que implica o respecto á normativa sobre tamaños mínimos, especies protexidas, tempadas de pesca e cotas de caputar. Por esta razón, esiximos que a trazabilidade de toda a cadea extractiva e produtiva estea certificada de maneira que permita identificar a procedencia de todo o peixe e os ingredientes utilizados.
  2. Utilizar métodos de pesca selectiva. Xa que a pesca con anzó e as artes de cerco son menos prexudiciais que as redes de arrasto ao reduciren a presión sobre os recursos pesqueiros e minimizar as devolucións de especies ou tamaños sen interese comercial, o peixe que procesamos procede de embarcacións que empregan artes tradicionais non depredadoras. Deste xeito, o atún que utilizamos é pescado con cana, a rincha procede da costeira do Cantábrica, o marisco das confrarías das Rías Galegas, etc.
  3. Favorecer a pesca local. O consumo de peixe procedente de pescarías próximas non só axuda ao mantemento das comunidades e as súas formas de vida tradicionais senón que, ao evitar longos transportes de mercadorías por medio mundo, contribúe á eficiencia enerxética disminuindo o consumo de CO2.